Cultura e Educación concede 177 bolsas para o inicio de estudos de grao nas universidades galegas e para que as persoas desempregadas cursen mestrados oficiais
Resultaron beneficiadas todas as persoas que solicitaron a axuda e cumprían os requisitos da convocatoria
A Consellería abrirá nos vindeiros días o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de axudas destinada aos estudantes que continúan estudos en 2º e posteriores cursos
Xov, 08/01/2015 - 17:10
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de conceder 177 bolsas para o inicio de estudos de grao e de mestrado oficiais - para persoas desempregadas neste caso- no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Así se desprende das resolucións de ambas as convocatorias, segundo as que 116 persoas que comezan este ano por primeira vez os seus estudos na universidade galega obtiveron a axuda, mentres que no caso dos mestrados son 61 as persoas desempregadas que a acadaron. En ambos os casos foron admitidas todas as persoas que cumpriron os requerimentos da convocatoria.
A Consellería abrirá nos vindeiros días o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de axudas destinada aos estudantes que continúan estudos en 2º e posteriores cursos. Neste sentido cómpre lembrar que este curso optouse por facer dúas convocatorias separadas - unha para inicio e outra para continuación de estudos- co obxectivo de axilizar o pagamento das bolsas.
Deste xeito o orzamento total disposto pola Consellería para estas tres diferentes axudas – inicio de estudos de grao, inicios de estudos de mestrados oficiais e continuación de estudos de grao- ascende a 800.000 euros, contía suficiente para atender a todas as solicitudes que se axustan aos criterios das ordes de convocatoria
Inicio de estudos
A convocatoria de inicio de estudos tiña como obxectivo que o 100% dos estudantes que ingresaran este curso no SUG cunha nota entre o 5 e o 5’5 e que cumpriran os requisitos da orde puideran ter a matrícula gratuíta. En total obtiveron a axuda 116 alumnas e alumnos, todos aqueles que se presentaron e cumpriron os requerimentos de acceso, tales como estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do SUG dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas que conducen á obtención dun título oficial de grao, e acreditar ter unha nota media de acceso igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5’5.
O importe máximo da axudas ascende a 862,9 € para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 euros para as titulacións da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.
Por universidades, 28 dos bolseiros están matriculados na Universidade de Santiago de Compostela, 77 na Universidade de Vigo e 11 na Universidade da Coruña.
Mestrados
No caso das axudas para os mestrados, foron dirixidas ás persoas tituladas universitarias en situación de desemprego que se matricularan este curso 14/15 dun mínimo de 60 créditos nun mestrado universitario oficial no SUG. Para acceder ás mesmas, debían ter obtido o seu título universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011 e estar inscritos como demandantes de emprego, como mínimo, durante un período de 180 días no ano inmediatamente anterior ao ano de presentación da solicitude, entre outros requirimentos.
A contía máxima das axudas, que cobren o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula destes estudos de posgrao, é de 1.881,6 € e a mínima de 1.215 euros. Neste curso 2014/2015 benefícianse destas axudas 61 persoas, das que 11 están matriculadas na USC, 39 na UVigo e 11 na UDC.
No hay comentarios:
Publicar un comentario